Anders Jonas Ångström
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Anders Jonas Ångström ( Medelpad 1814 – Uppsala 1874) físico e astrónomo sueco. Educado na Universidade de Uppsala, onde en 1839 comeza a dar clases de física. En 1842 trasládase ao Observatorio de Estocolmo para adquirir práctica en astronomía, ao seu regreso a Uppsala dirixe o Observatorio astronómico da cidade.
Interesado no magnetismo terrestre fixo moitas observacións da intensidade e declinación magnética en varias zonas de Suecia, e a Academia de Estocolmo encargoulle o traballo de investigar as observacións magnéticas obtidas pola fragata sueca "Eugénie" na súa viaxe arredor do mundo en 1851-1853.
Nomeado catedrático de física de Uppsala en 1858. O seu traballo máis importante ten relación coa condución da calor e coa espectroscopia. No seu traballo sobre óptica Optiska Undersökningar, presentado diante a Real Academia Sueca de Ciencias en 1853, non só indicou que unha faísca eléctrica produce dous espectros superpostos, un do metal do electrodo e outro polo gas no que ocorre, senón que deduciu a partir da teoría da resonancia de Leonhard Euler que un gas incandescente emite raios luminosos coa mesma capacidade refracción que os que pode absorber. Esta afirmación constitúe o principio fundamental da análise espectral, o que o coloca como un dos fundadores da espectroscopia.
A partir de 1861 dedicouse a investigar o espectro solar. A súa combinación do espectroscopio coa fotografía para o estudo do sistema solar resultou no descubrimento de que a atmosfera solar contiña hidróxeno (1862), e en 1868 publicou o seu gran mapa do espectro solar normal en Recherches sur le spectre solaire, incluíndo medicións detalladas de máis de 1000 liñas espectrais.
En 1867 foi o primeiro en examinar o espectro da aurora boreal.
Para expresar as lonxitudes de onda utilizou como unidade de medida a 10−10 m (dezmillonésima parte dun milímetro) e na súa honra coñécese como Angstrom (Å), empregado para expresar lonxitudes de onda das radiciacións e dimensións atómicas.
O seu fillo Knut Ångström investigou a radiación solar.