Asuán - أسوان
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Asuán (أسوان Aswān) é a cidade máis meridional de Exipto, na marxe oriental do río Nilo, á altura da Primeira Catarata e capital da gobernación homónima. Posúe 220.000 habitantes (2002), e é capital da gobernación de Asuán. Está situada na beira oriental do Nilo, é un centro comercial e turístico.
Asuán é un dos lugares habitados máis secos do mundo. Na antigüidade levaba o nome de Siena (Syene) do cal deriva Asuán (Syene → As Syene → As Son → As Suán → Asuán ). A súa fama actual débese ao encoro construído para regular as augas do Nilo.
A posición moi cerca do trópico do cáncer de Asuán permitiu a Eratóstenes calcular a circunferencia da Terra: un mercador contoulle que o día do solsticio de verán, o 22 de xuño a mediodía, a luz do sol iluminaba o fondo dun pozo, co que Eratóstees deduciu que o sol encontrábase entón exactamente no cénit, e comparou coa súa posición no ceo neste mesmo intre na súa cidade, Alexandría o que lle deu a distancia angular entre as dúas cidades. Coñecendo a distancia entre as dúas cidades, puido calcular, aplicando a proporcionalidade, o raio da Terra.
[editar] Presa de Asuán
É unha gran obra hidráulica que Exipto construíu coa axuda tanto técnica como económica da Unión Sovética. Presenta as seguintes características:
- lonxitude de 5 kilómetros
- altura mínima no centro de 76 metros
- lonxitude do encoro, máis de 400 km.
- capacidade de 70.000 millóns de m³
- produción enerxética de 10.000 millóns de kWh anuais
- capacidade de irrigación 800.000 ha.