Gregorio de Tours
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Gregorio de Tours - Georgius Florentius Gregorius, é dicir, Xurxo Florencio Gregorio (nado no 538 en Riom, preto de Clermont - morto no 594 en Tours) foi bispo de Tours, historiador da igrexa, dos francos e de Auvernia. Gregorio pasou toda a súa vida na Galia, servindo aos reis merovinxios de Austrasia.
Gregorio pertencía a unha prestixiosa e influinte familia galorromana de rango senatorial cuxos membros serviran anteriormente aos emperadores romanos e servían agora aos reis francos. Desde o século V estaban ao cargo de varias sedes episcopais, especialmente as de Lyon, Tours e Arles, mentres que a súa familia materna rexentaba a de Langres.
O seu pai morreu sendo el moi novo, polo que creceu coa súa nai preto de Cavaillon. Logo trasladouse a Clermont, onde a súa formación estivo a cargo do seu tío Gall, bispo de Clermont (morto en 551) e do arquidiácono Avito. En 563 foi enviado a Lyon, para acabar os seus estudos co seu tío Nizier, bispo de Lyon.
Pouco despois, foi ordenado diácono e establécese na basílica de Saint-Julien de Brioude, onde permaneceu ata o ano 573.
En 573, tendo 34 anos de idade, foi designado para suceder ao seu curmán materno Eufronio como bispo de Tours grazas á boa vontade do rei Sixeberto I de Austrasia (561-575) e da raíña Brunequilda. Esta cidade estaba baixo autoridade austrasiana e era unha das máis importantes sedes episcopais da Galia.
A partir de entón exerceu o seu episcopado no marco das loitas civís que desgarran o reino franco durante a segunda metade do século VI. Viaxou con moita frecuencia para asistir a concilios ou tratar asuntos políticos.
Polas súas orixes e a súa gran cultura, Gregorio é un herdeiro da Antigüidade, lector de Virxilio, Sidonio Apolinar e Marciano Capela.
Escribiu varios libros, incluíndo vidas de santos, pero a súa obra principal son as súas Decem Libri Historiarum ou Dez libros de historia, mellor coñecida como Historia Francorum ou Historia dos francos. É a fonte contemporánea máis importante para a historia dos merovinxios.
[editar] Bibliografía
- Thierry Dutour, La ciudad medieval: orígenes y triunfo de la Europa urbana, p. 38-39. — Paidós, Buenos Aires, 2005. ISBN 950-12-5043-1