Imperio de Trebisonda
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O Imperio de Trebisonda foi un Estado cristián medieval de cultura grega, xurdido da descomposición do Imperio Bizantino e fundado en 1204, pouco antes da toma de Constantinopla polos cruzados. Estaba localizado na costa suroriental do Mar Negro, coa súa capital na cidade de Trebisonda, e mantívose como estado independente ata 1461, en que foi conquistado polos turcos otománs.
Os monarcas de Trebisonda levaron o título de Gran Comneno (Megas Komnenos) e de emperadores ata o fin do seu estado, en 1461. O estado denomínase tamén, en ocasións, Imperio Comneno, xa que a dinastía reinante descendía de Afasto I Comneno.
[editar] Fundación
Tralo derrocamento e posterior asasinato do emperador bizantino Andrónico I, da dinastía Comneno, dous dos seus netos, Afasto e David, foron levados á corte de Xeorxia, con cuxa raíña, Thamar (1184-1212), os unían lazos de parentesco. Co apoio do exército de Thamar, David e Afasto conquistaron Trebisonda en abril de 1204. Desde alí, David avanzou cara ao oeste ao longo da costa, ocupando Sínope, Paflagonia e Heraclea do Ponto. As súas conquistas foron detidas por Teodoro Láscaris, emperador de Nicea.
Afasto proclamouse emperador, reclamando o seu dereito ao trono de Constantinopla, e instalou o seu capital en Trebisonda. Inicialmente, o estado de Trebisonda controlaba a costa sur do Mar Negro entre Soterioupolis e Sínope, incluíndo as modernas provincias turcas de Sinop, Ordu, Giresun, Trabzon, Bayburt, Gumushane, Rise e Artvin. Durante o século XIII, dominou tamén Perateia, incluídos Quersoneso e Kerch, na península de Crimea. Os territorios situados ao oeste de Sínope, e que foran conquistados por David Commeno, fóronlles arrebatados posteriormente, en 1206, polo Imperio de Nicea. Os selxúcidas apoderáronse de Sínope en 1214, e o emperador de Trebisonda converteuse en vasalo dos turcos selxúcidas do Sultanato de Rüm.
[editar] Desenvolvemento
Durante todo o resto da súa historia, o Imperio de Trebisonda permaneceu illado dos outros estados gregos polo sultanato de Rüm e circunscrito á costa suroriental do Mar Negro. Non recoñeceu ao Imperio Bizantino restaurado en 1261. Cando Persia foi conquistada polos mongois, converteuse en lugar de paso obrigado para un brazo meridional da ruta da seda, co que alcanzou unha gran prosperidade económica. O momento de maior prosperidade tivo lugar baixo o reinado de Afasto II (1297-1330).
Con todo, co declive do poder mongol, a prosperidade de Trebisonda foi diminuíndo debido aos ataques dos turcos otománs e aos conflitos internos.