Instrumento de vento-madeira
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Trátase de instrumentos aerófonos nos que o aire vibra ao paso por unha lingüeta ou por un bisel. Compóñense dunha embocadura, un tubo con buratos que permite a alteración da frecuencia da onda sonora, e unha pequena campá (agás a frauta). Nos instrumentos modernos estes buratos non se premen directamente cos dedos (caso de instrumentos populares e de época) senón por medio de chaves, sistema que se desenvolveu no século XIX para mellorar as posibilidades interpretativas. Atopamos varios tipos de instrumentos de vento madeira:
a) Instrumentos de lingüeta dobre ou palleta. Óboe, óboe de amor (afinado en la), corno inglés (en fa), fagot e contrafagot. A gaita sería tamén un instrumento de madeira de dobre lingüeta, coa particularidade de que consta dun fol que almacena o aire e de roncón e ronquetas para facer bordóns.
b) Instrumentos de lingüeta simple. Atopamos basicamente dúas familias, a do clarinete e a do saxofón. A familia do clarinete (instrumento xeralmente afinado en si bemol) componse tamén do requinto (en mi bemol), do corno di bassetto (en fa), do clarinete alto (en mi bemol), do clarinete baixo (en si bemol) e do clarinete contrabaixo (en si bemol). Os instrumentos da familia do saxofón constan da boquiña dun clarinete máis un tubo de latón, na actualidade utilízanse sete modelos distintos (soprano, sopranino, alto, tenor, barítono e baixo).
c) Instrumentos de bisel. A frauta é o principal instrumento deste grupo. Consta dun tubo cilíndrico, e a columna de aire vibra grazas ao contacto contra o borde da embocadura. Orixinalmente era un instrumento feito de madeira, pero na actualidade esta substituiuse por metais coma a prata.