Pintura ó óleo
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A palabra óleo vén do latín oleum, que significa aceite. Así chamaban ó aceite sacado da oliva. Existe como sinónimo a palabra aceite, que é un legado da lingua árabe.
En arte coñécese como óleo ós aceites que se usaban para combinar con outras substancias e obter así un produto idóneo para a pintura e como extensión, deuse en chamar óleo á mesma pintura en si. Tamén no campo relixioso se emprega a palabra óleo para certos sacramentos nos cales se aplica o aceite; nese caso dise santos óleos.
O uso do óleo coñécese dende a antigüidade e estaba xa estendido entre os artistas da Idade Media, sobre todo combinándoo coa pintura ó temple ou ó fresco. Con esta mestura retocaban as obras realizadas en xeso e conseguían así un secado máis rápido. Co avance e as investigacións da alquimia fóronse inventando mesturas favorables para os resultados da pintura. O aceite que máis se empregaba era o de liñaza que acostumaba a mesturarse cos pigmentos de minerais que son os que proporcionan a cor, pero cada artista no seu obradoiro tiña a súa propia fórmula que gardaba moi en secreto. Moitos seguiron os consellos e experiencias escritos no Tratado do monxe Teófilo que xa se coñece e se menciona no ano 1100.
Esta pintura obtida coa mestura de óleos ofrecía moitas vantaxes ó pintor, entre outras, o poder realizar a súa obra lentamente e sen présas de acabado (ó contrario do que ocorría na pintura ó fresco), o poder retocar a obra día a día, variar a composición, as cores, etc.
As bases sobre as que se aplica o óleo son diversas, sen que por iso varíe o seu aspecto. O que si varía é a técnica de preparación destas bases pois é moi distinto pintar sobre lenzo, táboa, fresco ou cobre. A partir do século XVII coa arte barroca os pintores elixiron como soporte favorito das súas pinturas o óleo ou lenzo. De tal forma tomou importancia o material empregado polos artistas que se empezou a empregar a palabra lenzo ou óleo en lugar de cadro para designar as obras pictóricas. Os primeiros grandes artistas de pintura ó óleo foron os flamencos.
Van Eyck utilizaba o óleo con gran precisión e os venecianos (Tiziano) aproveitarán as posibilidades de textura da pintura con base de aceite. A perspectiva aérea desenvólvea Leonardo de Vinci (a Gioconda) O flamenco Rubens, pintor barroco parte dunha base escura. Estes pintores caracterizábanse por ser directos en grao extremo (capas con gran vitalidade e mínimas correccións). Rembrandt creará o "grisaille"; este converteuse no método académico no século XVIII. No Romanticismo hai maior liberdade técnica. No impresionismo os pintores usan unha técnica máis directa. No impresionismo abstracto hai un intento de primar a expresión en lugar da corrección técnica, igual ca nos neoexpresionistas.
O equipo que usan estes artistas son pinceis (serda branca ou marta vermella, tamén de pelo sintético, e diferentes tamaños), espátula, cabalete e paleta. As técnicas fundamentais son, traballar por capas, ou en directo "alla Prima".
Índice |
[editar] Óleo sobre un muro
En primeiro lugar, o artista dispúñase a preparar a parede para recibir a pintura. A técnica está descrita por Giorgio Vasari (1511-1574), arquitecto e pintor teórico da arte italiana:
- Primeiro satúrase a superficie do enlucido con varias capas de aceite cocido, ata chegar ó punto en que a parede xa non absorba máis. Cando está a superficie seca aplícase unha capa de branco de chumbo, de aceite, de amarelo de chumbo e de arxila refractaria. Danse as últimas capas con po de mármore moi fino e cal, máis unha aplicación de aceite de liño. Para rematar, esténdese unha man de pez grego.
[editar] Óleo sobre lenzo
Os artistas preparan a tea ou lenzo antes de comenzar a pintura. Prepárana cunha man de cola de amidón, cola de coello ou de azucre e, cando esta preparación está seca, engádenlle unha capa de xeso, e outra capa de cola en sentido ortogonal á anterior. Finalmente rascan a tea para que quede ben lisa. Actualmente, prepárase a tea de liño cunha capa de cola de carpinteiro e cando está seca se lle engade unha capa de xeso, líxase e vólvese dar outra capa de xeso.
[editar] Óleo sobre táboa
Esta técnica deuse sobre todo entre os artistas da pintura flamenca. Preparaban a táboa cunha capa de carbonato de cal terroso (creta) branco e cola animal. Desa maneira a madeira resultaba compacta e lisa, á espera da pintura.
É importante que a tea a usar se encontre en óptimas condicións e de preferencia sexa nova.
[editar] Curiosidades
- Existía un pigmento chamado marrón de momia que se obtiña da descomposición das momias que se importaban de maneira clandestina dende o século XII.
- Os distintos artistas tiñan e teñen os seus trucos para poder dar á pintura o aspecto de veladuras, imaxes en profundidade, e detalles microscópicos. A técnica para estes casos era, ou é, diluír máis ou menos os aceites.
- A cor chamada rose doré utilizada para os rostros obtíñase cos ouriños das vacas indias previamente alimentadas con follas de mango. Pouco a pouco foi caendo en desuso.
- O vermello intenso facíase coa axuda dun insecto chamado cochinilla.
O*s artistas venecianos de final do século XV foron os primeiros que utilizaron o lenzo libre montado sobre unha armazón.