Sigmund Freud
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Sigmund Freud (6 de maio de 1856 – 23 de setembro de 1939), médico austríaco especializado en neuroloxía, foi o fundador da escola psicanalítica de psicoloxía, baseada na súa teoría de que o inconsciente determina o comportamento, de que certos tipos de pensamentos e recordos inconscientes, especialmente os sexuais e agresivos, son a fonte da neurose, e de que a neurose pode ser tratada traéndoos á consciencia a través dun tratamento psicanalítico. Tras recorrer inicialmente á hipnose para tratar fenómenos de histeria, abandonaríaa en favor da «asociación libre» e da «cura lingüística», que se converteron nos elementos clave da psicanálise. É xeralmente designado como "o pai da psicanálise". Foi unha personalidade revolucionaria e controvertida xa no seu tempo. Posiblemente ningún outro explorador da psique penetrou tan fondamente na mentalidade humana do século XX. O seu impacto sobordou os límites da psicanálise, abranguendo varias áreas da cultura, entre elas, a arte, a literatura, a relixión, a antropoloxia, e outras.
O nome de Freud é ás veces pronunciado [frɔi̯θ]. Máis apropiado é [frɔi̯d], seguindo a grafía (e o inglés), ou [frɔi̯t], seguindo de preto o alemán.
Índice |
[editar] A vida
Sigismund Shlomo Freud naceu o 6 de maio de 1856 en Freiberg (actualmente (Příbor), pequena cidade de Moravia, daquela parte do Imperio Austro-Húngaro e hoxe parte da República Checa. Procedente dunha familia xudía non practicante, nunca usou o seu apelido xudaico Shlomo e xermanizou para Sigmund o seu nome original Sigismund, recibido en homenaxe a un rei polaco do século XVI que fora tolerante cos xudeus. En 1877, ós 21 anos, abreviou definitivament o nome co que pasou á historia.
Aínda que foi o máis vello de tres irmáns e cinco irmás do matrimonio que seu pai Jacob tivo coa súa nai, Freud tiña ademais un medio irmán, froito dun matrimonio previo do pai. Seu pai era um modesto comerciante e súa nai, Amalia, uns vinte anos máis xove que só falaba yiddish (xudeo-alemán), era a terceira muller coa que casaba seu pai. A familia, de recursos limitados, vivía modestamente nun apartamento pero os pais farían un esforzo importante na súa educación desde moi novo. Cando tiña catro anos, a família mudouse para Viena. Era a época da apertura liberal do Imperio Habsburgo, que permitía ós xudeus abeirar esperanzas de progreso económico e aceptación social. Brillante nos estudos, ano tras ano, foi o primeiro da súa clase na escola.
Ós 17 anos ingresa na Universidade de Viena na facultade de Medicina onde permanecerá de 1873 a 1881 a pesar do intenso anti-semitismo que comeza a abrirse paso en Austria. En 1882, ansioso por progresar na vida, deixa a contragusto o laboratório de neurofisioloxía e entra no Hospital Xeral de Viena. Meses antes coñecera a Martha Bernays, neta do rabino de Hamburgo Isaac Bernays, o primeiro a formular a ortodoxía xudaica moderna. Catro anos depois, em 1886, cando ten xa un consultorio particular, casará con ela. En nove anos terán seis filhos. A máis nova, Ana Freud, confidente, secretaria, enfermeira, discípula e portavoz do pai, tornarase tamén unha eminente psicanalista.
No esforzo por compreender mellor os seus pacientes, Freud iniciará un difícil proceso de autoanálise para o cal, non dispoñía de predecesores in de ningún camiño trazado. Valéndose da introspección, da exploración dos recordos da nenez e da anotación dos seus soños, será o primeiro en desenvolver unha exposición sistemática do inconsciente, que marca o início da psicanálise, termo por el usado por primeira vez en 1896. Durante a autonálise toma consciencia da hostilidade infantil que sentía por seu pai e rememora os sentimentos sexuais por súa nai, que era segundo recorda atractiva e protectora. Esta é, segundo os biógrafos, a época máis creativa da súa vida, que culminará coa publicación de A interpretación dos soños (1900).
Antes de casar, Freud traballará seis meses en París, practicando a hipnose, co neurólogo francés Jean Martin Charcot e en Nancy con Benheim. Posteriormente en Viena, afondará con Joseph Breuer nos estudos sobre hipnose e as súas posibilidades como axuda ós enfermos mentais . Despois abandonaría o hipnotismo pola «asociación libre» e a «análise dos soños» para desenvolver a «cura da fala», elemento de partida da psicanálise.
En xeral, sábese pouco dos primeiros anos da vida de Freud pois destruíu os seus papeis e documentos persoais dúas veces, unha en 1885 e outra en 1907. Posteriormente, a documentación tardía foi gardada nos Sigmund Freud Archives e só estiveron dispoñibles para Ernest Jones, o seu biógrafo oficial, e uns poucos membros do seu círculo de achegados da psicoanálise. Freud mostrouse sempre pouco tolerante cos colegas que diverxían das súas doutrinas psicanalíticas. Os seus máis fieis adeptos foron Karl Abraham, Sandor Ferenczi e Ernest Jones, mentres que Alfred Adler e Carl Jung, discípulos e amigos, acabaron tornándose disidentes e sendo considerados heréticos polo movemento por el dirixido.
Trala anexión de Austria, Anschluss, polos nazis, que catro anos antes queimaran publicamente as súas obras en Berlín, Freud viuse obrigado a deixar Viena coa súa familia coa axuda económica dos seus amigos e pacientes, entre eles a Princesa Marie Bonaparte. O 4 de xuño de 1938 cruzaron a fronteira con Francia, dirixíndose a París e de aí a Hampstead, Londres, Inglaterra.
Mantívose activo ata a fin da súa vida como terapeuta e pensador sen que ninguén conseguise dobrar o seu orgullo: obrigado a asinar un documento polas autoridades nazis para ser autorizado a saír de Austria no que se dicía que foran ben tratado, engadiu ironicamente a frase: "Recomendo calorosamente a Gestapo para todos".
Fumador empedernido de cigarros puros, Freud sufriu durante 16 anos un cancro de padal e viuse obrigado a someterse a 33 operacións cirúrxicas. Morreu en Londres o 23 de setembro de 1939.
As teorías de Freud e o trato dado ós seus pacientes foron revolucionarios na Viena da súa época. As súas ideas foron discutidas e criticadas como traballos de literatura e cultura xeral, e o debate sobre a súa obra científica e os tratamentos médicos continúa aínda na época actual. Como exemplo, nunha crítica do ano 2003, os seguidores de Sigmund Freud considerárono «...un gran científico da medicina que descubriu importantes verdades sobre a psicoloxía humana...», mentres outros (especialmente doutros campos como a psiquiatría) veno como «...un filósofo visionario que reformulou a natureza humana e axudounos a derrubar tabús, a pesar de que as súas teorías, divulgadas como ciencia, non resisten un exame minucioso».
Freud interesouse especialmente na histeria (que na actualidade podería chamarse trastorno de conversión segundo o DSM-IV) e na neurose (dividida segundo a nosoloxía psicanalítica en afeccións psicosomáticas, neuroses e psicoses).
[editar] Obras principais
As súas obras máis representativas foron A interpretación dos soños (1900). Tres ensaios sobre a sexualidade (1905), Tótem e tabú (1912) e Máis alá do principio do pracer (1920).
- Estudos sobre histeria (con Josef Breuer) (Studien über Hysterie, 1895)
- A interpretación dos soños (Die Traumdeutung, 1899)
- A Psicopatoloxía da vida cotiá (Zur Psychopathologie des Alltagslebens, 1901)
- Tres ensaios sobre a teoría da sexualidade (Drei Abhandlungen zur Sexualtheorie, 1905)
- Totem e tabú (Totem und Tabu, 1913)
- Sobre o narcisismo (Zur Einführung der Narzißmus, 1914)
- Máis alá do principio do pracer (Jenseits des Lustprinzips, 1920)
- O Ego e o Id (Das Ich und das Es, 1923)
- O futuro dunha ilusión (Die Zukunft einer Illusion, 1927)
- A civilización e os seus descontentos (Das Unbehagen in der Kultur, 1929)
- Moisés e o monoteismo (Der Mann Moses und die Monotheistische Religion, 1939)
- Esbozo de psicanálise (Abriß der Psychoanalyse, 1940)
[editar] Ligazóns externas
- Vida e obra de Sigmund Freud
- Nazismo e psicoanálise
- Dicionario de psicoanálise
- Museo de Freud en Londres
- Obra de Sigmund
- Citas de Sigmund Freud
- Científico ou contista?
- Artigo de Sigmund Freud sobre 'Psychoanalysis' na 30ª edición da Enciclopædia Britannica