Vía Láctea
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A Vía Láctea é a nosa galaxia. Segundo as observacións posúe unha masa de 1012 masas solares e é, moi posiblemente, unha espiral barrada. Cun diámetro medio duns 100.000 anos luz calcúlase que contén uns 100.000 millóns de estrelas. A distancia dende o Sol ao centro da galaxia é duns 27.700 anos luz (8,5 kpc).
O nome de Vía Láctea provén do latín e significa camiño de leite. Foi denominada así pola aparencia de banda leitosa de luz tenue que atravesa o ceo nocturno de lado a lado. Esta banda non é máis que a luz emitida polo conxunto de estrelas que forman disco galáctico.
A Vía Láctea forma parte dun conxunto dunhas corenta galaxias, chamado Grupo Local. Debido ás curvas de rotación que presenta crese que gran parte da masa da Vía Láctea é materia escura.
A galaxia divídese en tres partes ben diferenciadas, halo, disco e bulbo.
[editar] Halo
O halo é unha estrutura esferoidal que envolve a galaxia, tal e como se ve no diagrama anterior. No halo a densidade de estrelas é moi baixa e apenas se ten nubes de gas polo que carece de rexións con formación estelar. En cambio é no halo onde se atopan a maioría de cúmulos globulares. Estas formacións antigas son reliquias da formación galáctica. Estas agrupación de estrelas debéronse formar cando a galaxia era, aínda, unha gran nube de gas que colapsaba e se ía aplanando cada vez máis. Outra característica do halo é a presenza de gran cantidade de materia escura. A súa existencia deduciuse a partir de anomalías na rotación galáctica. Os obxectos contidos no halo rotan cunha compoñente perpendicular ao plano moi forte cruzando en moitos casos o disco galáctico. De feito, é posible atopar estrelas ou outros corpos do halo no disco. A súa procedencia delátase cando se analiza a súa velocidade e traxectoria así como a súa metalicidade. E é que os corpos do halo presentan unha compoñente perpendicular ao plano moi acusada ademais de ser corpos formados antes cós do disco. Tamén é moi probable que unha estrela de poboación II (pobre en metais) pertenza ao halo, pois estas son máis antigas cás de poboación I (ricas en metais).
[editar] Disco
O disco componse, principalmente, por estrelas novas, de poboación I. É a parte da galaxia que máis gas contén e é nel onde aínda se dan procesos de formación estelar. O máis característico do disco son os brazos espirais. Estas formacións son rexións densas onde se compacta o gas e, xa que logo, dáse a formación de estrelas. Os brazos son, en realidade, ondas de densidade que se desprazan independentemente das estrelas contidas na galaxia. O brillo dos brazos é maior có resto das zonas porque é alí onde se atopan as estrelas xigantes azuis. Estas estrelas de curta vida nacen e morren no brazo espiral converténdose así en excelentes marcadores da súa posición. Outros trazadores dos brazos espirais son as rexións HII (nubes de hidróxeno ionizado). Estas nubes reemiten a enerxía captada facéndose visibles. Son altamente enerxéticas pois foron ionizadas polas potentes xigantes azuis que varren extensas áreas cos seus ventos estelares. As estrelas de vida máis longa sairán e entrarán repetidas veces nos diferentes brazos espirais da galaxia.
Así como a galaxia se compón de dúas partes segundo o seu grosor (halo e disco), o disco tamén se divide en dúas partes: Disco delgado e disco groso. Crese que o disco groso é o remanente dun segundo proceso de colapso e esmagamento da galaxia. Así como o halo é o remanente do colapso inicial o disco groso seríao dunha segunda fase de colapso.
[editar] Bulbo
O bulbo ou núcleo galáctico sitúase, como é lóxico, no centro. É a zona da galaxia con maior densidade media de estrelas. Aínda que a nivel local pódense atopar algúns cúmulos globulares con densidades superiores. O bulbo ten unha forma esferoidal achatada e vira como un sólido ríxido. Por outra banda sábese que no noso centro galáctico hai un gran buraco negro dunhas 2,6 millóns de masas solares. A súa detección foi posible a partir da observación dunhas estrelas que viraban ó redor dun punto escuro a velocidades de máis de 1500 km/s.