Xosé Luís Méndez Ferrín
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 7 Setembro 1938) é un escritor galego amplamente recoñecido como o máis importante e representativo da literatura galega contemporánea.
Índice |
[editar] Vida
Na súa infancia reside en Ourense con estancias en Vilanova dos Infantes. Na cidade de Ourense fai o primeiro curso de bacharelato, e trasládase, despoixas, en 1949, coa súa familia a Pontevedra. É alí onde remata os estudos de grao medio.
Nos anos 50 faise consciente da realidade galega, o que deixará nel unha fonda pegada nacionalista, que non abandonará nunca.
En 1955 el e a súa familia trasládase a Vigo. Neste momento é cando comeza a estudar Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela. Alí toma contacto co galeguismo cultural, artillado en torno á Editorial Galaxia e á figura de Ramón Piñeiro. En 1956 foi primeiro premio de poesía nas Festas Minervais de Santiago. En 1957 vai a Madrid onde tres anos despois licénciase en Filoloxía Románica. Nesta cidade mantén estreito contacto co galeguismo alí ubicado. Así, en 1958, créase o grupo Brais Pinto. O grupo constituíuse en torno á editorial do mesmo nome. En 1961 segue un curso de cultura inglesa na Universidade de Oxford. Entre os anos 1963 e 1965 realiza diversas viaxes por Europa. Despoixas de facer o servizo militar en Canarias pasa dous anos, 1962 e 1964, en Lugo, exercendo de profesor no Colexio Fingoi ata que en 1965 obtén a Cátedra de Lingua e literatura Española do Instituto Santa Irene de Vigo, e instálase en Vigo.
Debido á súa actividade política foi procesado en tres ocasións pasando nalgunhas delas un período no cárcere.
Na actualidade é mestre de literatura no Instituto Santa Irene. Tamén é columnista no xornal Faro de Vigo e dirixe a revista de pensamento crítico A Trabe de Ouro, que ten marcado de xeito notábel na última década o devir da nosa cultura coa difusión de problemas e investigacións sobre cuestións diversas con aproximacións interdisciplinares, e baixo unha dupla perspectiva nacional e universal. Ferrín é membro da Real Academia Galega e Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo. É Doutor en Filoloxía.
Xosé Luís Méndez Ferrín foi proposto ó Premio Nobel de Literatura no ano 1999 pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e vai ser proposto outra vez en breve. Foi galardoado con moitos premios coma o Premio da Crítica, Premio da Crítica Española, Premio da Crítica Galicia, Premio Losada Diéguez ou o Premio Eixo Atlántico.
[editar] Actividade política
Xa en 1958 forma parte do grupo literario nacionalista Brais Pinto. En 1964 participa na creación da Unión do Povo Galego. Debido á súa actividade política foi acusado de propaganda ilegal en 1967 e estivo detido na prisión do Príncipe de Vigo. En 1968 foi procesado por rebelión militar pero a causa finalmente foi sobreseída. En 1969, durante o estado de excepción, volve a ser detido, xulgado e condenado a dous anos de cárcere por propaganda ilegal, dos que cumpriu parte en diversos penais. En 1972, debido ás folgas de maio e setembro en Vigo, houbo contra el unha orde de busca e captura o que lle obrigou a pasar á clandestinidade. En 1977 participa na formación da Unión do Povo Galego-liña proletaria, que se converterá en 1978 no Partido Galego do Proletariado, e en 1979 na creación da organización de liberación nacional Galicia Ceibe. Así, en 1980, é detido baixo a acusación de tenencia de armas e cumpre unha condea de tres meses no cárcere de Segovia. Na actualidade sostén iniciativas políticas e sociais como as Redes Escarlata e é membro destacado da organización política FPG (Frente Popular Galega).
[editar] Obras publicadas
[editar] Poesía
- Voce na néboa, 1957.
- Antoloxía Popular, 1972, co pseudónimo de Heriberto Bens.
- Sirventés pola destrucción de Occitania, 1975.
- Con pólvora e magnolias, 1977. Premio da Crítica.
- Poesía enteira de Heriberto Bens, 1980.
- O fin dun canto, 1982.
- Erótica, 1992.
- Estirpe, 1994. Premio Losada Diéguez.
- O outro, 2002.
- Era na selva de Esm, 2004.
- Contra Maquieiro, 2005. Premio Losada Diéguez.
[editar] Narrativa
- Percival e outras historias, 1958.
- O crepúsculo e as formigas, 1961.
- Arrabaldo do norte, 1964.
- Retorno a Tagen Ata, 1971.
- Elipsis e outras sombras, 1974.
- Antón e os inocentes, 1976.
- Crónica de nós, 1980.
- Amor de Artur, 1982.
- Arnoia, Arnoia, 1985.
- Bretaña Esmeraldina, 1987. Premio Crítica Galicia.
- Arraianos, 1991. Premio Crítica Galicia, Premio Losada Diéguez, Premio da Crítica Española.
- No ventre do silencio, 1999. Premio Eixo Atlántico de narrativa galega e portuguesa “Carlos Blanco”.
[editar] Outros xéneros
- De Pondal a Novoneyra, 1984.
- Conversas con Xosé Luis Méndez Ferrín, 2006.