Groucho Marx
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Groucho Marx (2 de outubro de 1890 - 19 de agosto de 1977) foi un actor e comediante e escritor estadounidense.
Índice |
[editar] Vida e obra
Naceu como Julius Henry Marx en Nova York, fillo de Minnie Schoemberg, inmigrante alemá cuxos pais rexentaban unha compañía de cómicos ambulantes, e de Sam Marx, de orixe francesa.
Marx debutou no mundo do espectáculo aos 15 anos como cantante solista. Pasado algún tempo comezou a actuar xunto aos seus irmáns no vodevil, primeiro en tríos ou cuartetos musicais e finalmente en revistas. A obra Os catro cocos, interpretada de 1925 a 1928, deu aos Marx a súa oportunidade en Broadway. A raíz deste éxito, e tras esquecer a súa infrutuosa rodaxe dunha primeira e perdida película muda no ano 1921 (Humor risk), asinaron tamén un acordo coa Paramount, coa que fixeron varias películas, como "Os catro cocos", "Plumas de cabalo" e "Sopa de ganso", entre outras.
Tras saír da Paramount, e grazas ao novo xenio Irving G. Thalberg, os irmáns Marx comezaron a traballar coa Metro Goldwyn Mayer, de onde saíron películas como "Unha noite na ópera" e "Un día nas carreiras". Nos 50 cada un dos tres irmáns continuou traballando independentemente na radio, na televisión e no cine, sendo Groucho o que obtivo máis éxito, grazas á súa faceta como escritor e sobre todo grazas ao seu famosísimo programa televisivo "Aposte a súa vida", co que se fixo realmente famoso nos Estados Unidos entre unha xeración de persoas que nunca o viran no teatro e que apenas o coñecían dalgunha das súas vellas películas.
Marx faleceu nos Ánxeles a causa dunha pneumonía, deixando atrás tres ex-esposas, Ruth, Kay e Eden, tres fillos, Arthur, Miriam e Melinda, 18 películas, 14 delas xunto aos seus irmáns (unha delas perdida), e millóns de admiradores. Unha dos seus célebres frases foi: "Nunca pertencería a un club que admitira como socio a alguén coma min".
Groucho Marx foi incinerado, as súas cinzas gárdanse no Eden Memorial Park, sendo falso o epitafio "Perdoen que non me levante", que popularmente se cre que está na súa tumba.
[editar] Principais películas
- A historia da humanidade (1957)
- Amor en conserva (1949)
- Unha noite en Casablanca (1946)
- Tenda de tolos (1941)
- Os irmáns Marx no Oeste (1940)
- Unha tarde no circo (1939)
- O hotel dos líos (1938)
- Un día nas carreiras (1937)
- Unha noite na ópera (1935)
- Sopa de ganso (1933)
- Plumas de cabalo (1932)
- Pistoleiros de auga doce (1931)
- O conflito dos Marx (1930)
- Os catro cocos (1929)
- Humor risk (1921)
[editar] Frases célebres
"Nunca aceptaría pertencer a un club que admitira como socio a alguén coma min"
"Disculpen se lles chamo cabaleiros, mais é que non os coñezo moi ben"
"O matrimonio é a principal causa do divorcio"
"Non pense mal, señorita. O meu interese por vostede é puramente sexual"
"Se segues cumprindo anos, acabarás morrendo. Bicos, Groucho."
"É mellor estar calado e parecer parvo que falar e despexar as dúbidas definitivamente."
"A quen lle vai crer vostede, a min ou aos seus propios ollos?"
"Humor é posibelmente unha palabra; úsoa constantemente e estou tolo por ela. Algún día averiguarei o seu significado"
"Debo confesar que nacín a unha idade moi temperá"
"Estes son os meus principios; se non lle gustan, teño outros"
"El pode parecer un idiota e actuar como un idiota. Mais non se deixe enganar: é realmente un idiota"
"Nunca esquezo unha cara. Mais no seu caso, farei de bo grado unha excepción"
"Claro que o entendo, incluso un neno de cinco anos podería entendelo. Que traian un neno de cinco anos!"
"Desde o día en que collín o seu libro caín ao chan rodando de risa. Algún día espero lelo"
"Por que debería preocuparme pola posteridade? Que fixo a posteridade por min?"
"A xustiza militar élle á xustiza o que a música militar lle é á música"
"Observo que a televisión é moi educativa. Cada vez que alguén a encende, retírome a outra habitación e leo un libro"
"Ou vostede morreu ou o meu reloxo parou"
"Recordade que estamos loitando pola honra desta muller, o que posibelmente é máis do que ela fixo nunca"
"Intelixencia militar son dous termos contraditorios."
"Citádeme dicindo que me citaron mal"
"A política é a arte de buscar problemas, encontralos, facer un diagnóstico falso e aplicar despois os remedios equivocados."
"Bebo para facer interesantes as demais persoas"
"Só hai unha forma de saber se un home é honesto: preguntarllo. Se responde si, xa sabemos que está corrupto"
"A humanidade, partindo da nada e co seu só esforzo, chegou a atinxir as máis altas cotas de miseria."
"O segredo do éxito é a honestidade. Se podes evitala, está feito"
"Fóra do can, un libro é posibelmente o mellor amigo do home. E dentro do can probabelmente está demasiado escuro para ler"
"Non podo dicir que non estou en desacordo contigo"
"Detrás de cada home hai unha gran muller. Detrás dela, está a súa esposa"
"Coñezo centenares de maridos que serían felices de volver ao fogar se non houbese unha esposa esperándoos"
"Hai moitas cousas na vida máis importantes que o diñeiro. Mais custan tanto!"
"Fillo meu, a felicidade está feita de pequenas cousas: Un pequeno iate, unha pequena mansión, unha pequena fortuna…"
"Non é a política a que crea estraños compañeiros de cama, senón o matrimonio"
"Penso que todo o mundo debería crer en algo. Eu creo que vou seguir bebendo."
"Moléstao que non fume?"