Dolmen
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Os monumentos megalíticos son enterramentos levados a cabo entre o 4000 e o 2000 a. de C. Dentro destes enterramentos é pertinente facer a distinción entre mámoas e dolmens. Os dolmens serían a parte interna dos enterramentos. Un grupo de pedras colocadas conformando unha especie de caseta. Estas pedras irían recubertas con terra e esta con pequenos croios. Co paso do tempo estas pedras iríanse cubrindo de terra e vexetación camuflando o monumento dentro da paisaxe.
Estes monumentos foron frecuentemente expoliados e desprovistos da protección orixinal, xa que segundo as crenzas populares, os enterramentos neolíticos escondían importantes riquezas no seu interior. Sirva como exemplo destas afirmacións a licenza que no século XVII lle concedeu a Coroa española ao Licenciado Vázquez de Orxas para escavar os monumentos megalíticos na busca de tesouros. O termo dolmen procede do bretón, lingua na que significa mesa de pedra. Foi introducido no século XIX e a día de hoxe é unha verba sinónima das patrimoniais galegas usadas para referirse a este tipo de monumentos.
Dentro das palabras patrimoniais galegas utilizadas para referirnos a estas estruturas atopámonos principalmente coa denominación anta, procedente do latín ANTA (término arquitectónico usado para referirse ao dintel duha porta). Segundo Luis Monteagudo, esta denominación utilizouse nun primeiro momento para referirse aos dolmens e logo para referirse a unha lousa de pedra en xeral. Da verba anta proceden algúns diminutivos como antela ou antiña.
Outra palabra usada para referirse a este tipo de monumentos é arca, procedente, segundo Monteagudo, de ARCEO (prohibir o paso) e que en primeiro lugar significou marco, límite. Outra teoría, tamén exposta por Monteagudo, é que xa en época romana esta verba significara furna.
Algúns derivados de arca son arcal, arqueta ou arquiña.
Outras denominacións utilizadas para referirse a estas estruturas son casa, caseta, forno, forniño ou altar.